Xornada no Club de Golf Val de Rois

FARO Facility Services desfruta dunha xornada de golf no Club Val de Rois, instalacións que xestiona.

25 Maio, 2026

En FARO Facility Services desfrutamos dunha xornada moi especial no Club de Golf Val de Rois, un lugar que coñecemos ben porque somos a empresa responsable da limpeza das súas instalacións. Desta volta puidemos vivir o club como participantes.

Para a maioría do equipo era a primeira vez xogando ao golf, e a experiencia foi tan formativa como divertida. Aprendemos golpes de precisión en distancias curtas, traballando a técnica do putt con dinámicas como o tres en raia ou o reloxo. Tamén practicamos exercicios para controlar o ángulo do pau e o bote da bóla, e realizamos golpes longos con simulador, medindo distancia, velocidade e traxectoria.

Aprofundamos nos tipos de paus, a postura segundo o golpe e a colocación das mans, un detalle técnico clave para a precisión.

Finalizamos cun dos momentos máis divertidos cunha pequena competición entre os adestradores, Mencía, Jacobo e Adrián, que nos amosaron técnica, control e estilos moi diferentes. Queremos destacar o trato excelente recibido e a profesionalidade de todo o equipo, que nos guiou con paciencia, humor e dedicación.

Pechamos a xornada cun aperitivo e un xantar estupendo, nun ambiente relaxado que reforzou a conexión do grupo.

Foi unha xornada para aprender, desconectar e seguir medrando como equipo. Grazas ao Club de Golf Val de Rois pola confianza e por abrirnos as súas portas tamén desde este lado.

 

Animamos, a calquera que teña curiosidade por este deporte, a achegarse e probar a experiencia. Na web do Club de Golf Val de Rois está toda a información necesaria para iniciarse ou seguir mellorando.

Calidade e excelencia na limpeza xeral

Outras novidades que lle poden interesar

Adxudicacións que reforzan a nosa experiencia e a confianza de entidades públicas e privadas.